Tuesday 07 de May de 2024

O Concello de Noia abrirá unha liña de axudas para pemes e autónomos que invistan en material de protección


Tras repartir máis de 300 “kits de arranque” entre o comercio local, acordouse abrir unha nova convocatoria para os establecementos que non puideron beneficiarse desta primeira achega
A Comisión de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Noia, reunida esta semana, centrouse nas medidas a adoptar para facilitar a reapertura dos distintos establecementos do municipio. Unha reunión presidida polo alcalde de Noia, Santiago Freire Abeijón, e na que participaron os voceiros de todos os grupos políticos municipais (Partido Popular, PSOE, Marea Cidadá de Noia, NOIA e BNG), que presentaron interesantes propostas e iniciativas para facilitarlle á veciñanza de Noia o proceso de
transición cara a nova normalidade.
O alcalde noiés informou de que, tras repartir máis de 300 "kits de arranque" entre o sector comercial e hostaleiro, permitirase un prazo adicional para subsanar erros ou achegar máis documentación. “Paralelamente acordouse abrir unha nova convocatoria dirixida a aqueles establecementos do municipio que non tiñan encaixe nesta primeira achega de pantallas protectoras, máscaras e xel hidroalcohólico, un desinfectante eficaz ao posuír máis dun 61% de alcohol”, explica Freire Abeijón.
As bases desta nova convocatoria faranse públicas nos próximos días, pero a intención do Concello de Noia é que poidan participar desta vez aqueles establecementos que si se mantiveron abertos durante a corentena e que tamén precisan agora de medidas de protección tanto para os seus empregados como para os clientes.
Propostas
Así mesmo, os cinco grupos políticos municipais achegaron as súas propostas para establecer novas liñas de axudas para apoiar a recuperación no municipio. Unha destas medidas que se vai levar a cabo será establecer unha liña de axudas ou bonificacións a aquelas empresas de Noia que invistan en mamparas, identificadores de seguridade, dispensadores de xel, limpeza de material… e outras medidas de protección tanto para os/as seus clientes como para as persoas que traballan no establecemento. Os requisitos desta nova liña de axudas desenvolveranse nunhas bases que se darán a coñecer o antes posible.
Santiago Freire agradeceu a colaboración e as distintas propostas que están a achegar os responsables dos grupos municipais que forman parte desta de Seguimento da Evolución do COVID-19. Unhas propostas que seguirán sendo estudadas e debatidas no seo desta comisión na busca de acordos como o destas axudas á compra de material de protección.